Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Ordes prepara a súa XVII Festa do lacón con grelos para os días 7 e 8 de marzo


Exhibicións de gando, mostras de maquinaria agrícola e degustacións gastronómicas, venda de vehículos de ocasión, música e baile forman parte do cartel. Tamén haberá probas de arrastre e trote e un concurso de disfraces onde se entregarán máis de 1.000 euros en premios en ambos os casos

O Concello de Ordes, en colaboración coa Asociación de Veciños do Mesón do Vento, xa ten concretadas as datas de celebración da súa XVII Festa do lacón con grelos. Será durante a próxima fin de semana no Mesón do Vento, días 7 e 8 de marzo, na parroquia de Ardemil. Un ano máis agárdase a visita de milleiros de asistentes que desfrutarán de balde dunha das citas gastronómicas máis importantes en toda a provincia.

Na primeira xornada as portas do recinto feiral abrirán dende as 10 horas para exhibir un gran número de cabezas de gando e de maquinaria agrícola, así como unha exposición para venda de vehículos de ocasión. Xa pola tarde realizarase un desfile e concurso de disfraces con máis de 1.000 euros en premios, e cuxa inscrición permanecerá aberta ata o 5 de marzo a través do teléfono 981 680 002. A festa e a diversión reinarán tamén durante a sesión vermú e a verbena, para o que se contará coa actuación en vivo de grupos musicais.

Xa o domingo a partir das 10 horas o Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes marcará o inicio da xornada máis destacada. A partir das 11, e como novidade, iniciaranse as probas de agility canino. Á media mañá as racións e bandexas de lacón con grelos comezarán a repartirse de balde polos bares e establecementos do Mesón do Vento. Á mesma hora disputaranse as probas de andadura federada galega de 2 e 4 tempos e as carreiras de trotadores, nas que se repartirán máis de 1.000 euros en premios entre os mellores clasificados. Todo iso animado pola música e a festa que traerá consigo a sesión vermú.

Non serán as únicas competicións xa que tras o xantar tamén terán lugar probas de trote e andadura de trotadores e de arrastre cabalar. A partir das 20 horas, e xa para concluír, unha actuación musical porá o punto e final á festa neste último día de celebración.